Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta segue a desentenderse das súas obrigas e pretende cargarlle aos concellos a limpeza dos pellets


A Consellería do Mar remitiu na tarde de onte unha carta ao Concello de Oleiros na que se pretende desentender da súa obrigación de limpar a contaminación das praias galegas. No escrito, que é a primeira comunicación oficial recibida por este asunto, indícase un protocolo a seguir para que o Concello efectúe a retirada dos pellets, malia non ser unha competencia municipal nin dispoñer dos medios humanos, mecánicos e económicos para facelo axeitadamente. En relación aos gastos, a Xunta simplemente indica que se limitará a “facer chegar esa información á empresa armadora do buque”.

“É demencial que non digan que lle van esixir á empresa armadora que paguen obrigatoriamente todos os gastos a través do seguro. Mándanolo facer a nós, sen garantirnos cobrar, cando o teñen que facer eles. Que pouca vergoña teñen!”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

O Concello de Oleiros reclama novamente que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias e deixe de intentar cargar as súas obrigas sobre os concellos. Polos intereses partidistas do Partido Popular, demoraron máis do debido a declaración do nivel 2 de alerta por contaminación. Agora por fin, o Estado deberá mobilizar tamén os medios humanos e a maquinaria da que si dispón para eliminar a contaminación das praias galegas, que seguen a recibir miles de bolas de plástico nocivas para o medio ambiente. Urxe poñer freo a este grave desastre ecolóxico que está a danar gravemente os ecosistemas mariños e o sector pesqueiro, un dos motores económicos de Galicia.

O Concello de Oleiros tamén quere agradecer a todas as persoas que voluntariamente están a recoller pellets das praias, intentando contribuír á eliminación da contaminación.